Traxedia grega

Máscara de Dioniso conservada no Louvre

A traxedia grega é un xénero teatral orixinario da Antiga Grecia. Inspirado nos ritos e representacións sagradas que se facían en Grecia e Asia Menor, alcanza o seu apoxeo na Atenas do século -V. Chega sen grandes modificacións ata o Romanticismo, época na que se abre a discusión sobre os xéneros literarios, moito máis do que o fixo durante o Renacemento.

Debido á longa evolución da traxedia grega a través de máis de dous mil anos, resulta difícil dar unha definición unívoca ao termo traxedia, xa que o mesmo varía segundo a época histórica ou o autor do que se trate.

Na Idade Media, cando se sabía pouco ou nada do xénero, o termo asume o significado de "obra de estilo tráxico", e estilo tráxico devén nun sinónimo bastante xenérico de poesía ou estilo ilustre, como De vulgari eloquentia, de Dante Alighieri.

O argumento da traxedia é a caída dun personaxe importante. O motivo da traxedia grega é o mesmo que o da épica, é dicir o mito, pero desde o punto de vista da comunicación, a traxedia desenvolve significados totalmente novos: o mythos (μύθος) fúndese coa acción, é dicir, coa representación directa (δρᾶμα, drama). Onde o público ve cos seus propios ollos personaxes que aparecen como entidades distintas que actúan en forma independente, a escena (σκηνή), provisto, cada un, da súa propia dimensión psicolóxica.

Os máis importantes e recoñecidos autores da traxedia foron Esquilo, Sófocles e Eurípides que, en diversos momentos históricos, afrontaron os temas máis sensíbeis da súa época.


© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search